Tuesday 14 de May de 2024

“Brión Solidario” pon en marcha a sétima campaña de recollida de alimentos polo Nadal


 

Este ano precísanse especialmente: azucre, produtos de Nadal, conservas e produtos de hixiene

O Concello de Brión pon en marcha por sétimo ano consecutivo a campaña especial de Nadal de “Brión Solidario”, unha iniciativa que busca recoller alimentos para as familias máis vulnerables do municipio. Unha campaña que conta co inestimable apoio dos veciños e veciñas de Brión ao longo de todo o ano e que mesmo intensifica a súa colaboración coa chegada do Nadal.

As persoas e entidades interesadas en colaborar nesta campaña municipal de doazón de alimentos poden achegar produtos non perecedoiros e correctamente empaquetados. Dende os Servizos Sociais confirman que este ano precísanse especialmente azucre, produtos de Nadal, conservas e produtos de hixiene; sendo tamén precisos outros como o aceite, o leite, a pasta, o arroz e as galletas.

As achegas poden entregarse dende hoxe e ata o remate do Nadal nos distintos departamentos municipais (Casa do Concello, Casa da Cultura, Centro Social Polivalente e Biblioteca Municipal) ou no supermercado Froiz de Montebalado. Por outra banda, os donativos en metálicos poderán entregarse na Tesourería Municipal do Concello ou ser ingresados na conta do Concello en Abanca de Montebalado, séndolles entregado en ambos casos o correspondente xustificante de ingreso.

O alcalde, José Luís García, felicita e agradece á cidadanía e ao tecido social e empresarial de Brión “estes sete anos de solidariedade, pois xa non é so que se fagan doazóns, senón que mesmo desenvolven diferentes accións de recollida de alimentos e de apoio a Brión Solidario. Unhas iniciativas que agradecemos”.